Sunday 05 de May de 2024

Entregados en Frades os diplomas dos cursos do Programa Neneiras, dirixidos a aumentar a integración social e laboral da muller do rural


Unha trintena de persoas participaron nos cursos “Manexo de tabletas e móbiles” e “Filigrana e complementos decorativos do fogar”

A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella; o alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez; e a coordinadora da ONG Mestura, Liliana Rodrigues, entregaron o martes os diplomas de dous cursos do Programa Neneiras, levados a cabo pola ONG Mestura en Frades. Uns cursos gratuítos, de “Manexo de tabletas e móbiles” e “Filigrana e complementos decorativos do fogar”, nos que participaron unha trintena de veciñas e veciños de Frades.

A titular de Igualdade explicou que Neneiras é un programa integral destinado a mulleres que viven no rural prestando unha atención personalizada e especializada co fin de mellorar a súa situación persoal, social e laboral de modo integral. Susana López Abella indicou que o obxectivo do programa é aumentar a integración social e laboral das mulleres do rural en situación de vulnerabilidade a través de actuacións que fomenten a igualdade de xénero e a conciliación da vida persoal e laboral, evitando a discriminación múltiple.

Pola súa banda, o alcalde de Frades salientou que, grazas á colaboración da ONG Mestura e a financiación da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e do Fondo Social Europeo, “puidemos facer non só estes dous cursos de alfabetización dixital e filigranas, senón tamén outros como de control do estrés e da ansiedade ou un de aprender a interpretar a factura da luz”. Así mesmo, aproveitou para lembrar que mañá xoves, ás 16:30 horas, terá lugar no multiúsos de Frades unha charla sobre alzhéimer tamén incluída no Programa Neneiras. Unha charla de acceso gratuíto, previa inscrición no Concello de Frades (981 695 567) ou na ONG Mestura (981 662 840).

Programa Neneiras

Así, este ano o Programa Neneiras chegou ás mulleres de poboacións rurais en especial situación de vulnerabilidade do Concello de Frades e parroquias do concello de Culleredo. Dando continuación ao rural galego e visibilizando á muller que exerce un papel fundamental no seu fogar, xa que o rol das mulleres rurais é a figura de referencia en canto coidados dos/as fillos/as, ademais, do coidado das persoas maiores ou dependentes, soportando de esta maneira unha dobre responsabilidade.

Este colectivo sofre unha vulnerabilidade tripla por ser muller, nai e do rural. A responsabilidade que asumen mingua o tempo que poden dedicarlle á súa formación ou procura de emprego e, no seu caso, o seu lecer. Polo que é de especial importancia a introdución de ferramentas e contidos tecnolóxicos nestes núcleos a través da participación activa das mulleres permitirá o aproveitamento, por un lado, de accións exteriores aplicadas nas propias experiencias e, por outro, o coñecemento da propia tecnoloxía.

Dende o ano 2010, dende o inicio do Programa Neneiras da ONG Mestura, a Secretaría Xeral da Igualdade subvencionou este Programa a través da orde de entidades de iniciativa social que anualmente convoca Igualdade. Este ano a subvención concedida á ONG Mestura este ano 2018 foi de 36.000 euros.